
22/02/2016
Iª FEIRA LARPEIRA DAS TERRAS DE ROSENDO
Iª FEIRA LARPEIRA das Terras de Rosendo
O claustro barroco do Mosteiro de Celanova será o espazo elixido para albergar esta Iª Feira Larpeira, evento de promoción gastronómico ideado como colofón ao Obradoiro de Emprego Terras de Rosendo, que comparten os concellos de Celanova, Bande e Verea e que nos últimos seis meses traballou na elaboración e comercialización de produtos locais apícolas, de repostería e micolóxicos.
A feira terá lugar o vindeiro domingo 28 de febreiro en horario de 11:00 a 20:00 horas.
Ao longo de toda a xornada haberá talleres, sorteos e diversas degustacións de produtos. Tamén se poderá disfrutar da actuación do Grupo de Gaitas “O Gaiteiro de Penalta” e da representación dun monólogo a cargo dun dos alumnos do Obradoiro de Emprego.
Algúns dos postos estarán adicados integramente ao traballo desenvolvido polo alumnado do taller de emprego. Nesta feira poderase atopar unha exposición dos seus traballos, incluíndo degustacións e a presentación de produtos (bica coa forma do trisquel calado de Castromao e outras elaboracións co chocolate como materia prima principal e con aparencia de elementos identificativos de San Rosendo).
Os obxectivos son: acadar que esta Feira Larpeira sexa un escaparate para poder mostrar a variedade de produtos, tanto da Terra de Celanova como da Baixa Limia, que conforman un único xeodestino turístico, e conseguir que teña continuidade no futuro e quede vencellada no calendario á festividade de San Rosendo.
Ademais a celebración deste evento coincidirá cunha nova edición da Festa da Cervexa Artesá que, da man da Asociación para a divulgación da cultura cervexeira artesá de Galicia, estará instalada cunha carpa no patio central do Claustro Barroco desde o venres 26.