17/10/2024
Apatrigal entra en acción en Monforte de Lemos
*
CARTA PRESENTADA AO ALCALDE DE MONFORTE
Aprezado Sr. Alcalde,
Asistimos recentemente á proliferación de noticias nos medios de comunicación respecto dun proxecto que o concello ten para a parcela dos Escolapios, tamén coñecido o edificio como o colexio de Nosa Señora da Antiga, proxecto que pretende derrubar parte do muro de pedra histórico (pedra colocada a xunta seca) para usos totalmente alleos ao principal do edificio
Mostrámonos totalmente en contra de que se leve a cabo ese proxecto, entendendo que calquera acción que incida neste monumento, na súa contorna e no recinto orixinal debe ser consensuado con expertos en patrimonio cultural, tamén exposto á cidadanía con datos que permitan o alcance das actuacións
Trátase dun monumento do século XVI cuxo propietario social e cultural vai máis alá incluso do que a poboación de Monforte, xa que é un dos símbolos renacentistas de Galicia, coñecido por algúns como “o Escorial galego”
Alén das consideracións xerais da relevancia deste conxunto, debe saber que:
PRIMEIRO.- A Xunta de Galicia declarou ben de interese cultural o colexio de Nosa Señora da Antiga de Monforte, a través do Decreto 41/2021, do 25 de febreiro (publicado no DOG nº 49, do venres 12 de marzo de 2021
Esta declaración, coa categoría de Monumento, contén unha delimitación gráfica e literal, publicándose o plano do ámbito de declaración, especificando que a delimitación do ben corresponde coa do propio edificio do colexio, igrexa e claustros, e descarta a inclusión dos espazos da parcela cercada e que sufriron unha maior transformación coa instalación de campos e pistas deportivas ou zonas de aparcadoiro. Tamén se inclúe na delimitación do ben o espazo o Campo da Compañía que enfronta o edificio polos seus valores históricos e arquitectónicos e polas relacións espaciais e formais na configuración deste ámbito do conxunto histórico
Sinala, ademais, unha contorna de protección, axustada á delimitación do conxunto histórico en xeral como referencia dos predios inmediatos ao colexio. Como límites emprega o río polo oeste e as vías públicas polo leste e polo sur. Fican incorporados ao contorno de protección os espazos libres axardinados e de uso deportivo inmediatos ao monumento e aos Campos da Compañía
Describe o ben catalogado como o colexio de Nosa da Nosa Señora da Antiga, tamén coñecido como colexio do Cardeal, colexio de Monforte, colexio da Compañía, colexio dos Padres Escolapios, colexio San Xosé de Calasanz, convento da Compañía, convento dos Escolapios, os Escolapios ou A Compañía
O propio decreto ordena as inscricións no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e comunicala ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado e ao Inventario xeral de bens mobles da Administración xeral do Estado
SEGUNDO.- A Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, establece todas as cautelas e proteccións que un monumento debe ter para manter a súa integridade, esencia, trazabilidade histórica, e isto afecta a toda a parcela. Non cabe actuación ningunha que lle faga perder a súa condición de monumento, con todo o espazo que o arrodea, todo o espazo que foi deseñado conxuntamente co edificio principal
Entendemos que non se deben levar a cabo nesa área obras de urbanización, asfaltado, e moito menos o derrubamento do seu muro perimetral, o que foi deseñado para ese edificio
TERCEIRO.- O muro que se pretende derrubar está construído en pedra colocada a xunta seca, unha técnica que se está perdendo -igual que o tapial de Monforte-, polo que para a súa salvagarda, a Unesco procedeu a inscribilo en 2018 (13.COM) na Lista Representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade
A arte de construír muros en pedra seca comprende os coñecementos e prácticas sobre a súa realización cun mero amoreamento de pedras sen usar outros materiais de construción, salvo terra tamén seca nalgunhas ocasións. A súa estabilidade estrutural obtense grazas a unha selección e colocación sumamente coidadosas das pedras. Con eses muros creáronse diferentes tipos de hábitat humanos, así como de estruturas para a agricultura e a gandería, que configuraron paisaxes moi numerosas e variados. Estas construcións constitúen un testemuño dos métodos e prácticas usados polas poboacións desde a prehistoria ata a época moderna, con vistas a organizar os seus espazos de vida e traballo sacando o máximo partido dos recursos naturais e humanos locais
Os depositarios e practicantes deste elemento do patrimonio cultural son as comunidades nas que está profundamente arraigado, así como os profesionais do sector da construción. As estruturas en pedra seca realízanse sempre en perfecta harmonía co medio ambiente e as técnicas usadas son un exemplo de relación equilibrada entre o ser humano e a natureza. A transmisión desta arte da construción efectúase principalmente mediante a práctica adaptada ás condicións específicas de cada lugar
Xa que logo, entendemos que ese muro debe ser mimado e nunca derrubado, por ser un testemuño histórico, que ademais está na memoria dos monfortinos
PEDÍMOSLLE, xa que logo, reconsidere o proxecto e non proceda á súa execución. Déixese aconsellar polos expertos, e antes de derrubar algo histórico, que ademais pertence a todos os galegos, explore outras alternativas que non supoñan a destrución do patrimonio cultural galego
Carlos Henrique Fernández Coto
PRESIDENTE